|
CAPÍTULO I CONSIDERACIÓNS PREVIAS
Artigo 1º.- Todos os socios de ADNTIC TGWiFi deberán rexerse polos seguintes artigos que complementan os princípios básicos da asociación xa recollidos nos seus estatutos. A finalidade deste regulamento é estabelecer unhas pautas de utilización dos servizos ofrecidos por ADNTIC TGWiFi asi como deixar claros tanto os deberes como as obrigas dos socios desta comunidade. Artigo 2º.- Calquer socio con voto pode solicitar unha revisión da presente normativa respecto ó/s artigo/s que considere oportuno/s, sempre e cando o faga chegar por escrito e asinado especificando os artigos cos que está desconforme, o porqué e a solución que propón. Logo votarase en Asemblea e chegarase a unha resolución acerca do tema en cuestión. Artigo 3º.- ADNTIC TGWiFi poderá abrirlle un expediente disciplinario a todos aqueles socios que incumpran de forma continuada e sen xustificar calquera dos principios que aquí se recollen, así como calquera dos principios recollidos nos estatutos. A ditos socios aplicaráselle a sanción imposta pola Xunta Directiva para cada caso, podendo ser de expulsión ou recorte de dereitos na asociación ou doutro tipo.
CAPÍTULO II DEREITOS DOS SOCIOS
Artigo 4º.- Todos os socios teñen dereito a voz nas asembleas segundo os distintos tipos de socio recollidos nos estatutos, teñen dereito a voto todos os socios fundadores e de número. Calquer socio fundador ou de número ten dereito a presentarse para formar parte da Xunta Directiva. Os socios usuarios pasan a ser numerarios ós dous anos dende a súa inscrición, logo tamén terían dereito a voto. Para outros tipos de socio o dereito será de voz soamente. Artigo 5º.- Todos os socios fundadores, numerarios e usuarios teñen dereito ó acceso a unha rede WiFi da que se serve a asociación para acadar os seus fins. A maiores, pode haber empresas ou outras asociacións con acceso a dita rede previo convenio asinado entre tal entidade e a Asociación. Artigo 6º.- Os socios fundadores e numerarios poderán ter ata tres dispositivos conectados á rede WiFi simultaneamente sempre e cando dous deles sexan móbiles, xa que deste xeito ditos socios poderán colaborar nas tarefas da asociación dunha forma máis efectiva. Por outra parte os fundadores e numerarios teñen o deber de colaborar de maneira activa na asociación aportando os seus coñecementos e habilidades para un maior desenvolvemento da asociación. Principalmente comprometidos cos fins da asociación deberán estar os compoñentes da Xunta Directiva, elixidos democraticamente polo resto dos socios con voto. Os vogais serán os socios fundadores non incluídos na Xunta Directiva máis aqueles outros numerarios que sexan admitidos como vogais pola Xunta Directiva. Calquer socio numerario pode solicitar ser vogal da asociación. Artigo 7º.- Todos os socios fundadores, numerarios e usuarios terán acceso ós servidores de TGWiFi cos permisos que acredite o seu perfil na asociación. Calquera usuario fundador ou numerario con coñecementos suficientes pode solicitar colaborar nas tarefas de administración e desenvolvemento que realiza a asociación. Artigo 8º.- Todos os socios fundadores, numerarios e usuarios teñen dereito a expresarse na páxina web da asociación utilizando un xestor de contidos mediante o cal poderán actualizar certa información na web da asociación: http://www.tgwifi.org
Ademais os non socios de TGWiFi poderán rexistrarse na
web como socios simpatizantes co gallo de participar en determinadas seccións como por
exemplo os foros de soporte. Os simpatizantes non terán ningún tipo de obriga ca asociación, simplemente a responsabilidade de utilizar correctamente os medios dos que dispón e non introducir contidos inadecuados no portal web. Artigo 9º.- Todos os socios teñen dereito a soporte online a través da páxina web da asociación ou das salas de conversación (mensaxería instantánea) por parte daqueles outros socios que sexan capaces de resolver as dúbidas plantexadas. Tamén a través do correo electrónico. Artigo 10º.- O correo electrónico será o medio utilizado para a comunicación formal entre socios, así como para os avisos urxentes e de importancia. Os socios deberán comprobar o correo frecuentemente co gallo de estar ó día acerca dos temas que vaian saíndo, así como de decatarse con suficiente antelación das convocatorias estabelecidas pola Xunta Directiva.
CAPÍTULO III REVOCACIÓN DE DEREITOS
Artigo 11º.- Un socio poderá perder os seus dereitos se se lle abre un expediente disciplinario que así o indique. Serán motivo de apertura de dito expediente as seguintes causas: -Ir contra os fins principais da asociación. -O mal uso e utilización incorrecta ou maliciosa dos servizos e medios dispoñibles, así como calquer actividade que vaia en contra dos estatutos, do regulamento de réxime interno ou da lexislación vixente en España e na Comunidade Autónoma de Galiza. -A falta continuada e sen xustificar ás Asembleias ou a falta continuada e sen xustificar do pago das cotas.
Artigo 12º.- Todos os socios terán direito á réplica de dita revocazón por escrito asinado e dirixido á Xunta Directiva. Calquer revocazón de dereitos terá que ser aprobada en Asembleia Extraordinaria por maioría absoluta. Un socio nesta situación perderá todos os seus dereitos na asociación, ben sexa por un período temporal ou definitivo, segundo a gravidade da situación.
CAPÍTULO IV RESPONSABILIDADE
Artigo 13º.- ADNTIC TGWiFi non será responsábel daquelas actividades realizadas polos asociados ou colaboradores sen o seu previo consentimento, é dicir, todo asociado ou colaborador é responsábel dos seus actos e da utilización que faga dos servizos prestados por TGWiFi. TGWiFi rexistrará a actividade da rede para poder investigar o sucedido e facilitarlle a información ós órganos competentes se é o caso. A asociación tampouco será responsábel dos comentarios ou opinións realizadas polos usuarios da web da asociación a través desta.
CAPÍTULO V PROTECCIÓN DE DATOS
Artigo 14º.- ADNTIC TGWiFi, gardará dunha forma segura os datos de todos os seus asociados e somente os empregará para levar a cabo os fins da asociación, prestar os servizos da asociación e non os cederá a terceiras partes baixo ningún concepto, exceptuando o consentimento expreso do asociado, rexéndose pola “Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal”: LEY ORGÁNICA 15/1999, de 13 de diciembre, de Protección de Datos de Carácter Personal.(B.O.E.14-12-99): Modificada por Ley 62/2003, de 30 de diciembre (B.O.E. 31/12/2003)
CAPÍTULO VI CONSIDERACIÓNS FINAIS
Artigo 15º.- ADNTIC TGWiFi é a propietaria de todos aqueles equipos utilizados como repetidores, servidores ou calquer outro equipo de utilización común. Os socios son os proprietarios dos seus respectivos equipos instalados nas súas casas para posibilitar a conexión á rede WiFi, tamén son os responsables do mantemento e instalación de ditos equipos. Artigo 16º.- ADNTIC TGWiFi poderá estabelecer un repetidor no domicilio daqueles socios que residan nun lugar adecuado para elo e que o permitan, previo documento de consentimento asinado polo responsábel ou proprietário do inmoble. O consumo, mantemento, instalación e responsabilidade de dito equipamento correrá sempre a cargo da asociación e nunca do asociado ou do proprietario do inmoble onde se realizase a instalación. Artigo 17º.- A asociación ADNTIC TGWiFi rexerase polos seus estatutos e polo presente Regulamento de Réxime Interno así como todos os seus asociados, respectando sempre a lexislación vixente e os estatutos da asociación aprobados pola Xunta de Galiza. |